E por ser hoxe o último día, tiñamos unha xornada chea de sorpresas. Comezamos a mañá cun concerto que nos ofreceu a Escola Municipal de Música, sendo protagonistas algúns dos nosos compañeiros/as de Infantil. Gustounos moito ademais de aprender o nome de algún instrumento que non coñecíamos.
Xa de volta ao cole tiñamos unha SOPRESA. Si, si, unha Sorpresa: os nosos mestres de Infantil tíñannos preparada unha representación teatral, nin máis nin menos que O Coelliño Branco escenificado polos nosos profes. Foi moi gracioso velos a todos metidos no seu papel e vestidos de Coelliño Branco, Can, Boi, Galo, Cabra Cabresa, Formiga Rabiga e un simpático narrador. A todos dámoslles as GRAZAS.
Despois do teatriño a xogar ao patio. Ao final a profe Cris deunos un video que nos preparou con esmero e cariño e no cal recordaba algunha das moitas cousas que fixemos ao longo do curso a través de fotos.
A verdade é que a cousa non puido ser mellor para rematar o curso. Agora vacacións e a descansar que en Setembro hai que volver con gañas de seguir aprendendo.
BO VERÁN A TODOS E TODAS!!!